domingo, 24 de abril de 2016

Día do libro

Dende o Grupo de Astronomía non quixemos deixar de facer a nosa pequena contribución ao Día do Libro, lembrando a tres grandes clásicos da Ciencia Ficción que soñaron e escribiron sobre planetas ficticios, sobre a Lúa e aventuras espacias. Aquí vos deixamos un pequeno resumo e unha foto:

Xulio Verne. Na súa novela Da Terra á Lúa imaxinou un viaxe espacial á Lúa e, anos despois, cando este viaxe se fixo realidade, as similitudes entre a viaxe real a ficticia resultan apabullantes.

Arthur C. Clarke. Como dato anecdótico, este gran escritor estaba tan fascinado pola Astronomía que, cun telescopio caseiro, debuxou un mapa da Lúa. En Cántidos da alonxada Terra fantaseou coa vida noutro planeta tra-la destrución da Terra, nunha novela enchida de alusións á música, empezando polo seu título. Mike Olfield inspirouse nesta novela para crear un álbum en 1994. A súa novela 2001: unha odisea espacial foi levada ao cine por Stanley Kubrik.

Isaac Asimov. Que pasaría se existise un planeta con seis soles, de xeito que en todo momento do día polo menos un deles alumee no ceo? Se queres descubrilo, non tes máis que ler Anoitecer.








venres, 18 de marzo de 2016

Primeira observación do ano

E por fin chegou o momento que levabamos esperando desde que empezou o curso: o pasado 16 de marzo puidemos disfrutar da primeira observación astronómica desde o instituto. A actividade foi posible grazas aos nosos benqueridos compañeiros da Asociación Astronómica Sirio que nos fixeron de guías polo espectacular ceo de inverno da noite do pasado xoves.

Deste xeito puidemos contemplar a bóveda celeste dende tres telescopios de diferentes tipos e aumentos. Xa nos explicaron que o importante non é a lonxitude do telescopio senón o diámetro e o pulido da lente.

A observación comezou coa Lúa na que puidemos distinguir os cráteres e os mares da Tranquilidade e da Serenidade e constatamos a diferenza entre a observación dende un telescopio de menor a maior diámetro. Tamén puidemos constatar o rápido que se move a nosa Terra e como a cada pouco hai que volver enfocar o obxecto porque escapa á lente.

Tamén puidemos ver o cinturón e a gran nebulosa de Orión, a constelación composta polo cúmulo aberto das Pléyades e un falso sistema binario formado por dúas estrelas que parecían estar á beira unha da outra cando, en realidade, estaban a moita distancia (se queredes coñecer máis sobre sistemas binarios pinchade aquí).

Un dos maiores atractivos da noite foi a observación de Xúpiter con tres dos seus satélites. Incluso lle puidemos ver as dúas bandas de cor pardo paralelas ao ecuador. Menudo espectáculo!!! Tedes máis información sobre as cores de Xúpiter aquí, aquí e aquí.

Severino Yáñez, un dos membros da Asociación Astronómica Sirio, aprendeunos tamén a orientarnos no ceo de inverno tomando como referencia determinadas estrelas e constelacións. Foi así como viaxamos dende o Can Maior pasando por Orión ata chegar a Tauro. Recoñecemos Cástor e Pólux e tamén Sirio.













Que ben o pasamos e canto aprendemos!!!

mércores, 16 de marzo de 2016

Exposición: Un universo de luz

Do 15 ao 29 de febreiro puidemos disfrutar na entrada do noso centro da fermosa exposición: Un universo de luz do CSIC.



Se vos interesa tedes toda a información sobre a exposción no seguiente enlace.


domingo, 13 de marzo de 2016

Actividade: os reloxos de sol

O pasado venres 11 de marzo contamos no Club de Astronomía coa presenza de César M. González Crespán, membro da Asociación Astronómica Astrovigo e gran estudoso dos reloxos de sol, que se achegou ata o noso instituto a explicarnos parte da labor que desempeña.

A charla de César centrouse, sobre todo, no reloxo de sol que podemos atopar en pleno casco urbano de Bueu, na Banda do Río: as súas características, as súas similitudes con outros reloxos de sol de Galicia... Pero tamén nos falou doutros reloxos de distintas tipoloxías; dos fusos horarios e a relación entre a hora civil (a do reloxo) e a hora solar; ou, incluso, da relación existente entre os reloxos de sol e as antigas Vías Romanas. No blog de Astrovigo pódese consultar toda a información recopilada por César, así como fotos explicativas.




A continuación, fixemos unha práctica para entender por que o gnomon que marca a hora nun reloxo de sol horizontal ten unha inclinación que se corresponde coa latitude do lugar. Dous círculos de papel, situados a distintas latitudes sobre un globo terráqueo, representaban dous reloxos de sol. Os gnomons correspondentes eran dous alfinetes. E o sol estaba representado por unha lámpada.




Para rematar a actividade, os alumnos e alumnas do Club de Astronomía construíron reloxos de sol horizontais, válidos para Bueu (non debemos esquecer que as marcas horarias dos reloxos de sol varían dependendo da latitude do lugar, así como a inclinación do gnomon).





 

domingo, 14 de febreiro de 2016

Unha nova era para a astronomía: a detección de ondas gravitacionais



Hoxe, 11-2-2016, confírmase a existencia de ondas gravitacionais. Un interesante achado para a cosmoloxía que nos permitirá coñecer o que sucedía no Universo instantes despois do Big-Bang. Chegan a nós estas ondas procedentes da fusión de dous buracos negros supermasivos (29 e 36 veces respectivamente a masa do noso Sol) que tivo lugar hai 1300 millóns de anos e que xerou un novo buraco de 62 veces a masa do noso Sol. Esta colisión produciu unha enerxía equivalente a 3 masas solares, segundo a ecuación de Einstein, E=mc2. E esta enerxía propagouse polo espazo en forma de ondas gravitacionais que, 1300 anos despois, foron detectadas no LIGO (Observatorio de Interferometría LÁSER de Ondas Gravitacionais, con dúas sedes situadas en Estados Unidos).


Impression of GW generation

A interferometría LÁSER permite detectar a perturbación que a presenza dunha destas ondas pode xerar na lonxitude dun túnel polo que circula un feixe de luz LÁSER. A técnica consiste nun feixe LÁSER que é dividido en dous camiños perpendiculares entre sí (dous túneles en forma de L de brazos iguais de 4km de lonxitude). Ao chegar ao final do brazo, cada LÁSER rebota contra un espello e volve.


Tunnel

Detéctase a suma dos sinais procedentes da luz de retorno nos dous brazos. Cando unha onda gravitacional está presente, produce a contracción dun dos brazos, así que a luz procedente dos dous brazos non chega ao detector ao mesmo tempo, e isto produce un sinal diferente no detector, pois os feixes de luz interfiren de xeito distinto. Este sinal é o testigo de que, efectivamente, cambiou a lonxitude dun dos camiños.


Tal como prediciu Einstein no ano 1916 (hai 100 anos!) , unha onda gravitacional perturba o espazo-tempo, así que pode modificar a lonxitude dos túneles polos que circulan os feixes LÁSER. Sabede que esta modificación que a onda gravitacional produce na lonxitude do túnel de 4km é do tamaño da dezmilésima parte do diámetro do núcleo atómico (algo así como o tamaño dun balón de fútbol comparado co da Vía Láctea), pero o detector do LIGO é a ferramenta máis sensible do mundo. A tecnoloxía de última xeración implicada neste detector é impresionante.


Einstein falaba dunha única dimensión espazo-tempo, e dicía que os obxectos con masa a deforman ao seu paso, como unha bola deforma unha tela elástica. Esta é a orixe do que coñecemos como forza gravitatoria, e xa sabemos que provoca un efecto sobre a traxectoria dos outros obxectos que se atopan nas proximidades desa masa como, por exemplo, as órbitas dos planetas arredor do Sol, ou a mazá que cae sobre a Terra. A gravidade curva o espazo que rodea á Terra e, por iso, empúxanos cara a ela. Pensa que se eu caio cara á Terra sen que ninguén me empuxe, estou percorrendo cada vez máis espazo no mesmo tempo. Pero iso non pode ser, porque ninguén me empuxa, así que debe de ser que o espazo a percorrer é maior (curvouse o espazo!) ou, dito doutro xeito, que o tempo pasa máis despacio e eu consigo percorrer máis metros no mesmo tempo (olla esta simulación). 


Esta transformación do espazo-tempo tamén fíxose patente no acortamento da lonxitude do túnel do LIGO a causa da presenza da onda gravitacional procedente da colisión dos buracos negros. (Máis abaixo podedes ver algún vídeo que explica un pouco máis a distorsión do espazo-tempo segundo a Teoría de Einstein, que non soamente sucede a causa das ondas gravitacionais senon tamén a altas velocidades, próximas á da luz).





Einstein xa predixera a existencia das ondas gravitacionais dentro da súa Teoría Xeral da Relatividade. A cantidade de materia implicada na colisión entre buracos negros produce unha pérdida de masa que se converte nunha altísima cantidade de enerxía (E=mc2), enerxía que despois se propagaría polo Universo en forma de ondas gravitacionais. Estas ondas deformarían o espazo-tempo ao seu paso. Por fin podemos dicir que xa foron detectadas cos interferómetros do LIGO.

Ata agora, analizábamos a Universo a partir das ondas electromagnéticas (luz de diferentes lonxitudes de onda) que nos chegaban:


Pero este descubrimento abre un importantísimo camiño ao campo da astronomía e a cosmoloxía, pois agora xa podemos engadir unha nova ferramenta de análise do Universo, que é o estudo das ondas gravitacionais, cuxo comportamento parece semellante ao das ondas de son. Agora seremos quen de analizar obxectos distantes que non se poden ver con luz, como os buracos negros, e analizar eventos que non soamente xeran luz, senon tamén ondas gravitacionais.

Á parte de LIGO, este ano comezará a funcionar unha versión mellorada doutro gran observatorio de ondas gravitatorias en Europa: VIRGO. Ademais, tamén lanzouse o LISA Pathfinder, unha misión de demostración para un futuro observatorio espacial deste tipo de fenómenos.

Máis sobre Einstein e a relatividade neste capítulo de Informe Semanal (a partir do minuto 9:11), e nos seguintes vídeos:



Preme aquí para ler máis sobre buracos negros.

martes, 26 de xaneiro de 2016

¿Mudámonos a Marte?

Estes son os vídeos proxectados para a primeira sesión dos Mércores Astronómicos:


mércores, 18 de novembro de 2015

Novo curso, novos membros

  Arranca o curso e con el o grupo de Astronomía do IES Johan Carballeira, con novas incorporaciones tanto de profesorado coma de alumnado, así que esta entrada é simplemente para darvos a benvida a todos/as .
  Agardamos pasalo ben e aprender un montón de cousiñas interesantes, e que o tempo nos permita facer as observacións sen problemas :)