venres, 18 de marzo de 2016

Primeira observación do ano

E por fin chegou o momento que levabamos esperando desde que empezou o curso: o pasado 16 de marzo puidemos disfrutar da primeira observación astronómica desde o instituto. A actividade foi posible grazas aos nosos benqueridos compañeiros da Asociación Astronómica Sirio que nos fixeron de guías polo espectacular ceo de inverno da noite do pasado xoves.

Deste xeito puidemos contemplar a bóveda celeste dende tres telescopios de diferentes tipos e aumentos. Xa nos explicaron que o importante non é a lonxitude do telescopio senón o diámetro e o pulido da lente.

A observación comezou coa Lúa na que puidemos distinguir os cráteres e os mares da Tranquilidade e da Serenidade e constatamos a diferenza entre a observación dende un telescopio de menor a maior diámetro. Tamén puidemos constatar o rápido que se move a nosa Terra e como a cada pouco hai que volver enfocar o obxecto porque escapa á lente.

Tamén puidemos ver o cinturón e a gran nebulosa de Orión, a constelación composta polo cúmulo aberto das Pléyades e un falso sistema binario formado por dúas estrelas que parecían estar á beira unha da outra cando, en realidade, estaban a moita distancia (se queredes coñecer máis sobre sistemas binarios pinchade aquí).

Un dos maiores atractivos da noite foi a observación de Xúpiter con tres dos seus satélites. Incluso lle puidemos ver as dúas bandas de cor pardo paralelas ao ecuador. Menudo espectáculo!!! Tedes máis información sobre as cores de Xúpiter aquí, aquí e aquí.

Severino Yáñez, un dos membros da Asociación Astronómica Sirio, aprendeunos tamén a orientarnos no ceo de inverno tomando como referencia determinadas estrelas e constelacións. Foi así como viaxamos dende o Can Maior pasando por Orión ata chegar a Tauro. Recoñecemos Cástor e Pólux e tamén Sirio.













Que ben o pasamos e canto aprendemos!!!

mércores, 16 de marzo de 2016

Exposición: Un universo de luz

Do 15 ao 29 de febreiro puidemos disfrutar na entrada do noso centro da fermosa exposición: Un universo de luz do CSIC.



Se vos interesa tedes toda a información sobre a exposción no seguiente enlace.


domingo, 13 de marzo de 2016

Actividade: os reloxos de sol

O pasado venres 11 de marzo contamos no Club de Astronomía coa presenza de César M. González Crespán, membro da Asociación Astronómica Astrovigo e gran estudoso dos reloxos de sol, que se achegou ata o noso instituto a explicarnos parte da labor que desempeña.

A charla de César centrouse, sobre todo, no reloxo de sol que podemos atopar en pleno casco urbano de Bueu, na Banda do Río: as súas características, as súas similitudes con outros reloxos de sol de Galicia... Pero tamén nos falou doutros reloxos de distintas tipoloxías; dos fusos horarios e a relación entre a hora civil (a do reloxo) e a hora solar; ou, incluso, da relación existente entre os reloxos de sol e as antigas Vías Romanas. No blog de Astrovigo pódese consultar toda a información recopilada por César, así como fotos explicativas.




A continuación, fixemos unha práctica para entender por que o gnomon que marca a hora nun reloxo de sol horizontal ten unha inclinación que se corresponde coa latitude do lugar. Dous círculos de papel, situados a distintas latitudes sobre un globo terráqueo, representaban dous reloxos de sol. Os gnomons correspondentes eran dous alfinetes. E o sol estaba representado por unha lámpada.




Para rematar a actividade, os alumnos e alumnas do Club de Astronomía construíron reloxos de sol horizontais, válidos para Bueu (non debemos esquecer que as marcas horarias dos reloxos de sol varían dependendo da latitude do lugar, así como a inclinación do gnomon).