domingo, 13 de marzo de 2016

Actividade: os reloxos de sol

O pasado venres 11 de marzo contamos no Club de Astronomía coa presenza de César M. González Crespán, membro da Asociación Astronómica Astrovigo e gran estudoso dos reloxos de sol, que se achegou ata o noso instituto a explicarnos parte da labor que desempeña.

A charla de César centrouse, sobre todo, no reloxo de sol que podemos atopar en pleno casco urbano de Bueu, na Banda do Río: as súas características, as súas similitudes con outros reloxos de sol de Galicia... Pero tamén nos falou doutros reloxos de distintas tipoloxías; dos fusos horarios e a relación entre a hora civil (a do reloxo) e a hora solar; ou, incluso, da relación existente entre os reloxos de sol e as antigas Vías Romanas. No blog de Astrovigo pódese consultar toda a información recopilada por César, así como fotos explicativas.




A continuación, fixemos unha práctica para entender por que o gnomon que marca a hora nun reloxo de sol horizontal ten unha inclinación que se corresponde coa latitude do lugar. Dous círculos de papel, situados a distintas latitudes sobre un globo terráqueo, representaban dous reloxos de sol. Os gnomons correspondentes eran dous alfinetes. E o sol estaba representado por unha lámpada.




Para rematar a actividade, os alumnos e alumnas do Club de Astronomía construíron reloxos de sol horizontais, válidos para Bueu (non debemos esquecer que as marcas horarias dos reloxos de sol varían dependendo da latitude do lugar, así como a inclinación do gnomon).





 

Ningún comentario:

Publicar un comentario