mércores, 1 de xuño de 2016

Obradoiro no IES: "A luz na astronomía"



O pasado venres, 13 de maio, celebramos no IES un obradoiro para o grupo de astronomía, sendo o tema central “A luz na astronomía”. Nel intentamos aprender un pouco sobre as ondas e como o coñecemento das propiedades da luz nos permite adentrarnos na investigación acerca do Universo. Pareceunos un tema interesante, pois o ano 2015 conmemorábase o Ano Internacional da Luz e Tecnoloxías asociadas coa Luz.
Para abrir boca, deixamos aquí un dos vídeos que proxectamos un mércores astronómico no recreo, e que ten que ver con este tema.



Ademais, este 2016 detectáronse ondas gravitacionais procedentes da colisión de dous buratos negros (tedes unha entrada anterior neste mesmo blog), polo que nos parecía interesante falar un pouco sobre as ondas.
Con este obxectivo, iniciamos o obradoiro cunha breve exposición dos paneis explicativos que os alumnos podían atopar nas mesas do laboratorio. Despois pasamos aos experimentos, que sempre é o que máis lles gusta aos nosos astrónomos.
 

  Comezamos con experimentos con ondas mecánicas que nos permitiron coñecer os conceptos de frecuencia e lonxitude de onda e a súa relación coa enerxía que transporta a onda. Fixémolo con cordas e resortes. 

 
  A continuación, pasamos a identificar o son como unha onda semellante á do resorte, pero que se transmite a través das partículas do aire. Para elo, traballamos con diapasóns manuais (de xeito que se puidese ver a vibración das ramas e o fenómeno da resonancia) e electrónicos (para atopar a relación entre altas frecuencias e sons agudos). Tamén puidemos comprobar como as cordas da guitarra soan máis agudas ao aumentar a súa tensión e como a lonxitude da columna de aire fai cambiar o son nun tubo con auga.

Unha vez traballadas as ondas mecánicas, pasamos a describir a luz como onda electromagnética. Tras unha explicación sobre o espectro electromagnético, os rapaces puideron comprobar como a luz branca pode descompoñerse nas cores do arco da vella (prisma refractor e difracción nos surcos do CD) e como as cores poden xuntarse para formar a luz branca (disco de Newton). Ademais, puideron observar o fenómeno da fluorescencia coa lámpada UV.

Por fin pasamos a como se aplican os coñecementos sobre a luz ao estudo do Universo:
En primeiro lugar, falamos e experimentamos co efecto Doppler e explicamos como este serviu para descubrir a expansión do Universo ou para detectar estrelas binarias que se achegan e afastan periodicamente de nós.

Ademais, decatámonos de como a atmosfera dos planetas inflúe sobre a luz que a atravesa. Como exemplo, experimentamos sobre as cores do noso ceo recreando o amencer e o solpor.

Tamén fixemos fincapé no estudo das sombras dos obxectos na Terra para coñecer a súa curvatura (Eratóstenes), nas eclipses como método para coñecer os tamaños e distancias da Terra, Sol e Lúa e a aplicación das sombras para a medida do tempo. Lembramos así o anterior obradoiro sobre reloxos de Sol, construindo reloxos horizontais sobre o globo terráqueo para observar as sombras que vai proxectando o gnomon coa rotación terrestre a diferentes latitudes.

Por último, experimentamos sobre a refracción e reflexión da luz coa axuda de lentes e espellos. Decatámonos así de que podemos torcer, redirixir e achegar os feixes de luz como queiramos, e isto permítenos fabricar telescopios para observar o Universo. Tras observar o comportamento das lentes converxentes, fabricamos un telescopio refractor sinxelo coma os primeiros de Galileo.

Estes experimentos tiñamos que comprendelos ben, porque a semana seguinte debiamos explicárllelos aos alumnos de 6º de primaria!!

As profes do grupo de astronomía agardamos que disfrutasedes moito xogando coa ciencia, e que vos quedasen ganas de máis!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario