martes, 7 de xuño de 2016

Saída ao observatorio Ramón Mª Aller

O pasado xoves 26 de maio tivemos a esperada saída ao observatorio Ramón Mª Aller en Santiago de Compostela. Aproveitando que tiñamos que desprazarnos á capital fomos facer unha visita ao Museo de Historia Natural, ao CACTUS e puidemos dar un paseo pola zona histórica e achegarnos á fermosa Catedral.

No Museo de Historia Natural solicitamos unha visita guiada o cal nos serviu para entender mellor as características das coleccións e a configuración dos diferentes espazos. Deste xeito primeiro fixemos un repaso da clasificación dos reinos animais e vexetais cos exemplares disecados que alí teñen.


Tamén puidemos aprender sobre un ecosistema de río, outro de acantilado e outro de fraga típicos de Galicia.



Percorremos as diversas especies marinas: algas, peixes, crustáceos e moluscos.




Tamén nos abraiamos coa fermosa colección de minerais que teñen.



E non puidemos resistirnos a sacar unha foto coa colección de meteoritos clasificada pola súa procedencia.



E como peche a colección de animais dos distintos puntos do planeta.

 

Despois o alumnado de bacharelato e dúas das profesoras tiveron a oportunidade de visitar o edificio CACTUS (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico da Universidade de Santiago). Este edificio reúne diversas unidades de análise de mostras, con técnicas complementarias unhas doutras, e moitos especialistas de múltiples disciplinas colaborando en traballos comúns, como a determinación da autenticidade ou antigüidade dunha obra de arte, a resolución de posibles litixios legais, a determinación da estrutura e actividade dun fármaco, etc.


Alí estivemos na unidade de difracción de raios X, onde nos explicaron o proceso de medida da estrutura e composición dun cristal. Ademais, visitamos a unidade de resonancia magnética nuclear (RMN), onde se estuda tamén a composición de mostras a través da aplicación de campos magnéticos e radiofrecuencias, e a unidade de microscopía, onde os nosos alumnos puideron ver os microscopios electrónicos de alta resolución que permiten a observación na escala dos nm (1nm=0,000000001m).
Nesta foto podemos ver un destes microscopios electrónicos:




Mentres, o alumnado de ESO fixo un percorrido pola zona histórica ata a Catedral guiados por as outras dúas profesoras do grupo.

Pola tarde chegou a visita máis esperada, puidemos visitar o Observatorio Ramón Mª Aller. Alí amosáronnos as instalacións e explicáronnos para que serven os diferentes utensilios que teñen: os reloxos e telescopio que empregaba Ramón Mª Aller nas súas observacións; o pluviómetro e o barómetro; o reloxo atómico, moi importante para localizar os obxectos no firmamento; os diversos telescopios, e as dúas cúpulas onde teñen instalados outros dous telescopios, un deles é o máis potente de Galicia e dos máis potentes da Península.



Ademáis os encargados do observatorio explicáronnos os proxectos nos que traballan agora mesmo, como a observación e estudo dos sistemas binarios de estrelas. E tamén tivemos a oportunidade de consultar as nosas dúbidas co que xurdiu un interesante debate sobre os exoplanetas habitables, que houbo antes do big bang, que hai máis alá dos confíns do universo, as teorías sobre a expansión ou contracción do mesmo ou a existencia dun multiverso.




Que máis se pode pedir?




Ningún comentario:

Publicar un comentario